HISTORIA E CIENCIAS SOCIAIS

17 nov 2013

Cinema, medioambiente e conflito social: primeira sesión




O pasado mércores, 13 de setembro, deu comezo a primeira sesión do Ciclo de Cine: Cinema, medioambiente e conflito social, organizado por Nova Escola Galega e a Asociación Cultural Sinenomine.

Esta actividade de formación do profesorado, que se desenvolveuse na Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela, foi dirixida por Daniel Lánero Táboas, investigador principal do proxecto de investigación “Mobilización política e conflitividade social nun contexto de grandes cambios: a Galicia rural durante o tardofranquismo e a transición (1960 – 1982)”.
Tras facer unha breve introdución ao ciclo, Daniel Lanero presentou ao ponente da primeira sesión, Lourenzo Fernández Prieto, catedrático de Historia Contemporánea da USC.

Fernández Prieto comezou a súa exposición cunhas breves referencias aos documentais que corresponden a esta sesión: Autopista, unha navallada á nosa terra (1977) e Omonte é noso (1978) (), dos que Llorenç Soler é autor. Trátase de documentais militantes, feitos no seu tempo cunha mirada “bastante antropolóxica”. Para entender estes documentais de hai case corenta anos, mesmo para entender a proxección ao presente dos problemas tratados, cómpre saber que a metade do territorio galego é monte comunal, unha realidade que se dá en Galicia e noutros moi poucos territorios europeos. Unha realidade que intentou rachar o réxime liberal dende o século XIX e a ditadura franquista coa súa política repoboadora (eucalipto, piñeiro) que pretendía especializar o monte galego na produción forestal. O propio réxime tivo que dar marcha atrás, en certa maneira, en 1968 cando unha sentenza do Tribunal Supremo obrigou a devolver a propiedade dos montes ás comunidades de vecinos.

Rematado o visionado dos documentais, abriuse un turno de debate no que se falou das posibles semellanzas entre os conflitos medioambientais da época estudada e os da actualidade, das semellanzas e diferenzas na resposta social, da postura do campesinado ante as transformacións económicas e políticas, etc.

A próxima sesión comezará ás 18:00 h. do  mércores, 20 de novembro, no Salón de Actos da Facultade de Filosofía da USC. La selva esmeralda (John Boorman, 1985) é o filme que se visionará nesta sesión, dirixida pola profesora Carme Alvariño Alejandro, encargada de presentar ao ponente: Raúl Soutelo Vázquez, profesor de Ensino Secundario.

No hay comentarios:

Publicar un comentario